Un proxecto cultural colaborativo
Este proxecto precisa, agora máis ca nunca, do coñecemento e da paciencia que, por toda Galicia, poñen centos de persoas á nosa disposición para contribuír na salvagarda dun patrimonio colectivo único no mundo. Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio cás persoas que o habitan e que transmitiron durante varias xeracións, co seu uso, un ben cultural tan valioso.
Por iso, a mellor maneira de preservarmos este patrimonio toponímico é facer que os nomes de lugar continúen vivos difundíndoos a través de internet para todo o mundo. Deste xeito, os topónimos seguirán cumprindo a súa función denominativa para a que foron creados, pero acadarán novos usos grazas ás novas tecnoloxías e chegarán a máis persoas do que o facían a través da secular transmisión oral.
Como se pode colaborar?
Para poder introducir topónimos na plataforma, os colaboradores e colaboradoras deberán rexistrarse premendo neste enlace e cubrindo todos os campos da ficha de perfil de usuario/a, os obrigatorios mais os opcionais. Precisamos coñecer cal é a zona de Galicia na que están interesados en traballar (concello, parroquia e/ou lugar). Ademais, tamén nos gustaría saber cales son os seus estudos e/ou profesión e os motivos polos que deciden participar neste proxecto. Isto serviranos para elaborar estatísticas dos distintos perfís de usuarios/as que están colaborando nesta gran obra sobre o patrimonio inmaterial de Galicia.
Unha vez enviada a solicitude, deberán agardar un par de días como moito para recibir a notificación de que xa están habilitados para introducir topónimos. O proceso non é automático, senón que se revisan unha a unha todas as solicitudes. Xunto coa mensaxe de benvida ao proxecto, os usuarios e usuarias habilitados recibirán o manual de uso da aplicación.
Cando a persoa colaboradora xa está habilitada, a través da pestana Explora e colabora poderá facer unha busca territorial da zona de traballo; introducir un novo topónimo ao que poderá achegar unha imaxe (por ex. dun muíño, dun cruceiro, dunha fonte...), un documento en pdf, un arquivo de audio ou de vídeo coa pronuncia do nome ou no que se escoite aos informantes contando un lenda, refrán, cántiga ou copla asociada e ese topónimo. Tamén poderá facer suxestións sobre a forma escrita ou sobre a localización de topónimos recollidos por outros usuarios ou procedentes doutras fontes.
Estes nomes serán supervisados polos especialistas en toponimia da RAG. Tamén se fará un contraste oral con outros colaboradores da zona e un contraste documental para comprobar a súa veracidade. Feitas as comprobacións pertinentes, serán validados e pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia.
Nese momento, estarán visibles a través do visor de topónimos, tanto da páxina de Galicia Nomeada como do portal da Toponimia de Galicia. Esta base de datos servirá de referencia para os traballos das administración públicas que implican actuacións sobre o territorio, para o mundo da investigación, para o sector empresarial e para a sociedade en xeral.
Contamos coas túas valiosas achegas!
Agradecemos a túa participación na elaboración desta grande obra sobre o noso patrimonio colectivo. Fai as túas achegas cos topónimos que mellor coñezas rexistrándote nesta plataforma. Unha vez que accedas ao sistema, poderás seguir o estado dos topónimos novos que nos envíes e suxerir correccións aos xa recollidos na túa aldea ou parroquia.
Contacto
Contacta connosco a través do correo electrónico toponimia@academia.gal ou no teléfono 881 995 322.