Plataforma

Galicia Nomeada

Explorar agora

Dámosche a benvida a

Galicia Nomeada

Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas...), desde un PC, tableta ou smartphone conectado a internet, poidan achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida.

A riqueza toponímica de Galicia

Galicia ten unha riqueza excepcional na súa toponimia. Na súa extensión (29.574 Km2), malia ocupar soamente un 6% do territorio de todo o estado, contén sobre un terzo das entidades de poboación de España. Estamos a falar de arredor de 38.500 nomes de entidades de poboación que se rexistran actualmente no novo Nomenclátor de Galicia, obra que está en fase de actualización e aprobación.

Isto no que respecta á toponimia maior, pero cando falamos da menor ou microtoponimia, a cifra crece exponencialmente, pois calcúlase que podemos salvagardar máis de 2 millóns de topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas; iso si, a meirande parte ameazados co risco de desaparecer debido ás transformacións dos modos de vida tradicionais na nosa comunidade.

Nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) recolléronse preto de medio millón de microtopónimos nun 35 % do territorio galego. Pero quedan moitos nomes por rexistrar, tanto en terra coma nos máis de 2.500 km do litoral galego. O noso mar tamén presenta unha enorme riqueza toponímica, froito da necesidade dos vellos mariñeiros e mariscadoras de nomear e marcar aqueles espazos onde desenvolvían a súa actividade pesqueira, un coñecemento do mar moi personalizado do que dependía o seu sustento económico e a súa integridade física.

Salvagardar un patrimonio cultural que esmorece

Todos somos conscientes de que os nomes das terras, dos regueiros, das fontes, dos penedos... corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores. As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura e da gandaría; a actividade pastoril nas serras está case desaparecida; o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posúen vellos mariñeiros... Por estes e por outros motivos, cada día desaparecen ducias de topónimos, porque o que non se usa, acaba perdéndose.

Neste momento da nosa historia, no que temos ao noso alcance o gran potencial que ofrecen as novas tecnoloxías, dispoñemos desta aplicación Galicia Nomeada para que todos os galegos e galegas poidamos achegar o noso gran de area rexistrando e difundindo na rede este inmenso patrimonio inmaterial que se agocha detrás dos nomes de lugar.

Toponimia estandarizada

Ademais, todo isto farase cumprindo coa normativa europea INSPIRE para que os nosos topónimos sexan interoperables nas infraestruturas de datos espaciais a nivel mundial. Os nomes de lugar, como instrumentos de localización que son, fan a comunicación máis doada entre as persoas, pero esta comunicación debe ser clara, non pode xerar ambigüidade ou confusión, de aí a necesidade de seren normalizados respectando os estándares establecidos polas autoridades competentes, isto é o Grupo de Expertos das Nacións Unidas en Nomes Xeográficos (UNGEGN).

Como podo colaborar?

Participa na construción da maior obra colectiva do pobo galego

Agradecemos a túa participación na elaboración desta grande obra sobre o noso patrimonio colectivo. Fai as túas achegas cos topónimos que mellor coñezas rexistrándote nesta plataforma. Unha vez que accedas ao sistema, poderás seguir o estado dos topónimos novos que nos envíes e suxerir correccións aos xa recollidos na túa aldea ou parroquia.

  • geoarpad
  • xacobeo
  • interreg