Colabora

Dámosche a benvida a

Galicia Nomeada

Este proxecto precisa, agora máis ca nunca, do coñecemento e da paciencia que, por toda Galicia, poñen centos de persoas á nosa disposición para contribuír na salvagarda dun patrimonio colectivo único no mundo. Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio cás persoas que o habitan e que conservaron e transmitiron co seu uso, despois de varias xeracións, un ben cultural tan valioso.

Todos somos conscientes de que os nomes das terras, dos regueiros, das fontes, dos penedos... corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores. As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura e da gandería; a actividade pastoril nas serras está case desaparecida; o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posúen vellos mariñeiros... Por estes e por outros motivos, cada día desaparecen ducias de topónimos, porque o que non se usa, acaba perdéndose.

Plataforma colaborativa

Por iso, a mellor maneira de preservarmos este patrimonio toponímico é facer que os topónimos continúen vivos difundíndoos a través de internet para todo o mundo. Deste xeito, os topónimos seguirán cumprindo a súa función denominativa para a que foron creados pero acadarán novos usos grazas ás novas tecnoloxías e chegarán a máis persoas do que o facían a través da secular transmisión oral. Por outra banda, a mellor maneira de difundir a toponimia sempre foron os mapas. Nos últimos anos os avances tecnolóxicos e metodolóxicos nos sistemas de información xeográfica ofrécennos ferramentas que permiten situar nunha ortofoto aérea calquera elemento do patrimonio cultural cun grao de exactitude sorprendente. De aí o auxe que están tendo na actualidade as cartografías colectivas, onde a sociedade participa na creación dun mapa cultural.

Sobre estas premisas asentan as bases da nova aplicación colaborativa en liña para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega que se chama Galicia Nomeada.

Esta plataforma permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares, asociacións veciñas e culturais, comunidades de de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas...), desde un PC, tablet ou smartphone conectado a internet, poidan facer a recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e xeorreferenciala. Tamén permite introducir na ficha de cada topónimo unha imaxe (por ex. dun muíño, dun cruceiro, dunha fonte...) e arquivos de audio ou vídeo dos informantes pronunciando o nome ou contando a lenda etiolóxica que o motivou. Estes nomes, trala supervisión dun especialista en toponimia, e tralo seu contraste e verificacións con máis informantes a través dun foro, pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia, que estarán visibles a través do “buscador de topónimos” deste portal da toponimia galega. Esta base de datos serve de referencia para os traballos das administración públicas que implican actuacións sobre o territorio, para o mundo da investigación, para o sector empresarial e para a sociedade en xeral.

Toponimia estandarizada

E todo isto faise cumprindo coa normativa europea INSPIRE para que os nosos topónimos sexan interoperables nas infraestruturas de datos espaciais a nivel mundial. A toponimia é algo que interesa a todos e todas, pois os nomes de lugar, como instrumentos de localización que son, fan a comunicación máis doada entre as persoas. Pero esta comunicación debe ser clara, non pode xerar ambigüidade ou confusión, de aí a necesidade de seren normalizados respectando os estándares establecidos polas autoridades competentes, isto é o Grupo de Expertos das Nacións Unidas en Nomes Xeográficos (UNGEGN).

Agradecemos a túa participación na elaboración desta grande obra sobre o noso patrimonio colectivo. Fai as túas achegas cos topónimos que mellor coñezas rexistrándote nesta plataforma. Unha vez que accedas ao sistema, poderás seguir o estado dos topónimos novos que nos envíes e suxerir correccións aos xa recollidos na túa aldea ou parroquia.